Tuesday 14 de May de 2024

O BNG de Oleiros traslada ao debate parlamentario sobre os Orzamentos da Xunta para 2024 propostas para o municipio por valor de 4 millóns de euros


O Bloque defende estes días no Parlamento de Galiza débedas históricas en Sanidade con eivas xa endémicas e por valor de 1.050.000 euros

Medio ambiente, Mobilidade, Sanidade ou Ensino concentran, un ano máis, o groso das propostas nacionalistas para o municipio

Un ano máis, o BNG de Oleiros vén de trasladar ao Parlamento de Galiza toda unha serie de propostas de investimento para o municipio no marco do debate do proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2024 que estes días está a ter lugar na Cámara galega.

As propostas que, en forma de emenda, traslada o Bloque de Oleiros a través das deputadas e deputados nacionalistas ao debate orzamentario ascenden, no total, a uns catro millóns de euros.

Desta cantidade total, destaca, o apartado de Sanidade con eivas xa endémicas e por valor de 1.050.000 euros, así demandamos obras de reformas no PAC de Santa Cruz, a creación dun novo Centro de Saúde de verdade en Mera, a creación dunha praza de pediatría e de enfermaría pediátrica para dar servizo nos centros de Mera e de Oleiros ou recursos materiais para as matronas.

Melloras varias no apartado de Ensino. Obras de conservación nos centros educativos do Concello por valor de 600.000 €, mellora das instalacións no CEIP A Rabadeira, no CEIP Juana de Vega de Nós, no EIP Valle Inclán de Perillo, nos CEIP Luís Seoane de Mera e Isidro Parga Pondal de Liáns.

Imprescindíbel agora máis que nunca é a Mellora da rede de subministro de auga de Oleiros a través da construción dun depósito en Sarro para a adecuación da rede de auga oleirense aos estándares de calidade e ao nivel de demanda que a poboación merece, solicitamos unha partida de 800.000 €.

En Mobilidade queremos que por fin se cumpra a demanda histórica do BNG do transporte metropolitano na Ría, demanda que agora xa “copian” os demais, no Concello de Oleiros pedimos a cantidade de 500.000€ para a adecuación de Santa Cristina, Santa Cruz e Mera para atracar embarcacións de pasaxeiros. Estudo, planificación e concreción das obras necesarias para permitir que, con uso turístico e diario, as inmediacións das zonas de costa referidas poidan estar operadas polo transporte público colectivo marítimo establecendo conexións a través da Ría coa cidade da Coruña.

Os outros investimentos propostos para Oleiros nas contas autonómicas para 2024 quedan no ámbito da Consellaría de Medio Ambiente: o BNG propón aumentar en medio millón de euros o orzamento do CEIDA, no que debería ser o inicio dun plan de financiamento plurianual estábel que asegure xa non a supervivencia, senón o crecemento dun centro de estudo e divulgación tan absolutamente referencial. Na mesma liña, o Bloque segue a demandar, impulsando neste caso cunha dotación económica para ese fin de 800.000 €, un desenvolvemento real da figura do Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes mediante a redacción e execución dun plan de xestión do espazo protexido e que tantas a agresións está a padecer, agresións recoñecidas pola propia Xunta, porén, o espazo segue a carecer a día de hoxe de calquera tipo de plan director que asegure a súa axeitada conservación, custodia e dinamización.